Conxunto de poemas premiados co primeiro premio no IV Certame de Poesía en Lingua Galega «Manuel María» (no 2016)
Publicado no Nº20 - XX - Xuño 2016 na revista Estadea (San Sebastián, Donostia)
1
Compás a distancia que me dispón cara o teu sur desorientado,
a conexión umbilical
que gardamos a morte
na estirpe sobrenome
á que obedezo,
aínda que non me corresponda.
Levo os teus apelativos nas orellas
máis afundidos que os pendentes.
Igual que as historias da nena do parque –que non existiu nunca–,
a invención do cabalo do camiño a espernexar
ou ti chea
nas cartillas da fame
inefábeis.
Quérote alén do gume afiado dos teus vocativos.
Que estiveches aí,
intanxíbel,
no arrolado da nenez dun prado verde.
Que me deron a vida
para me recoñecer nas bágoas prístinas
os teus ollos augados.
2
Viraches cara a min
oceánica,
cravando a ferro
esas engurras da rabia
ameazando a mañá do gallo
coas túas patas.
Comprendín
–sen escoitar os berros–:
o fogar seguía alleo.
3
Cheguei,
coma sempre,
cunha carga infinita de amor para ti.
Biquei na túa testa
mentres pousaba a túa man na miña
para te acariñar.
Coma sempre.
Coma sempre,
mudáchesme a rateira
na túa ruta ao esquezo,
onde eu
endexamais terei nome.
4
Deixáchesme morrendo.
Logo de terme chuchado a vida,
abandonáchesme na porta
da mesma morte.
Dérache
a pouca enerxía enferma
que me quedaba.
Xa non son
materia.
Non existo sen ti
e non sei perderte.
Na memoria,
non haberá funeral.
